O PP lamenta que o goberno desatenda as súas competencias en salubridade

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, lamentou que os socialistas de Lugo sigan “poñendo escusas e lavándose as mans” para non dar unha solución aos problemas e valoracións negativas sobre a EDAR.

O voceiro popular explica que esta mañá os socialistas explicaron en comisión que as deficiencias detectadas na EDAR dependen de outras administracións “e que eles non teñen responsabilidade algunha”, algo que “é inexplicable” xa que o Concello de Lugo é a administración que ten a responsabilidade e as competencias na EDAR, e que pague mensualmente máis de 150.000€ a unha empresa pola xestión e ten a competencia exclusiva de acordo coa Lei de Augas de Galicia e coa Lei de Bases de Réxime Local.

Neste senso, o voceiro popular recorda que Augas de Galicia atopou diversos incumprimentos da normativa vixente, como niveis de fósforo ou nitróxeno superiores ao permitido, o que desembocou en que este órgano tutelante outorgara “a valoración global da calidade de explotación como a valoración global da EDAR como moi deficientes”.

Antonio Ameijide tamén fala do incumprimento “das esixencias da Autorización de vertido” para os parámetros analizados en 3 das 10 mostras tomadas, algo que cualifica de “alarmante”. “Non é un erro puntual. Repítese sistematicamente e o equipo de goberno non pon unha solución”, afirmou o popular.

Ante esta situación, e ante a “vaga” resposta dada polos socialistas en comisión, o Grupo Popular rexistrará varias preguntas ao goberno socialista para que responda por escrito que medidas se van a tomar para reconducir a situación, por que chegan estes informes negativos ao Concello de Lugo e que ocorre na EDAR para que as valoracións sexan negativas.

Incumprimentos en Protección de Datos

O voceiro do Grupo Popular cualificou tamén de despropósito que “o goberno socialista esperase ata o último minuto para nomear ao Delegado de Protección de Datos tal e como se recolle no Regulamento Xeral de Protección de datos que mañá venres entrará en vigor”.

Antonio Ameijide criticou que os socialistas “fixesen oídos xordos” dun acordo de pleno dunha iniciativa que rexistrou o Partido Popular na que se votou “convocar unha xunta de voceiros que tivese como finalidade tratar a figura deste Delegado de protección de datos, para posteriormente comunicalo á Axencia de Protección de Datos antes do día 25 de maio de 2018”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com