Xornada de pleno mañá en Lugo e xornada na que o edil titular da área de Deportes, Mauricio Repetto, deberá comparecer, a petición do PP, para explicar os motivos que “puxeron en risco” a homologación da pista do Palomar. Dende o Partido Popular lamentan “a falta de transparencia e as continuas trabas postas polo responsable desta área para acceder á información que afecta as áreas que coordina”.
Neste caso, en opinión dos populares, semella que a advertencia de que se corría o risco de perder esta homologación surtiu efecto e o Goberno local “puxo remedio ao problema”. Dende o Partido Popular piden ao concelleiro de deportes que “non actúe coa oposición á defensiva” engadindo que “é moito máis positivo para os veciños e veciñas de Lugo que en vez de reaccionar de forma hostil contra o PP dedique este esforzo a solucionar os problemas que detectamos e denunciamos de forma pública”.
Outras mocións
Noutro senso, o Partido Popular leva ao pleno de mañá unha proposta para estudar a construción dun aparcamento en Fontiñas. Así os populares solicitarán ao Concello de Lugo que, previamente a calquera modificación que afecte á mobilidade e ao estacionamento no barrio de Fontiñas, realice o estudo e obras precisas para a construcción dun gran aparcadoiro na Ronda das Fontiñas. O vicevoceiro dos populares matiza que “dito aparcamento debe localizarse na zona máis poboada e comercial do barrio, e como alternativa podería considerarse aproveitar o desnivel do terreo, a continuación do número 129, ou ben na intersección co Carril San Eufrasio (números 99-105)”. Ameijide explica que pola orografía do terreo a parte superior podería quedar a nivel da beirarrúa, permitindo localizar unha gran zona verde cun miradoiro, unha zona de xogos infantís e un parque biosaudable.