O Grupo Municipal do Partido Popular teme que “pola neglixente actuación do goberno socialista na adxudicación das casetas do polbo” volva a estar no centro da polémica a organización dun dos principais reclamos da vindeira edición do San Froilan.
O vicevoceiro popular Antonio Ameijide afirmou que a anulación da concesión de dúas casetas e caldeiros do polbo, polas débedas da empresa adxudicataria, evidencia que o prego de condicións que utilizaron os socialistas para concesión destas instalacións “estaba máis pensado en garantir a especulación que en prestar un servizo de calidade”.
Ameijide matizou que, lamentablemente, se cumpriu punto por punto o guión que avanzou o PP o ano pasado, “presentáronse empresarios sen solvencia, sen experiencia e fracasou o negocio” engadindo que “queda demostrado que acreditar experiencia no sector hostaleiro si é importante, proba delo é que os adxudicatarios que teñen empresas vinculadas ao sector si cumpriron, en tempo e forma, os pagos e o servizo”.
Dada a trascendencia deste asunto, o Partido Popular presentou un escrito esta mañá para que se convoque de forma urxente a Comisión de Festas e se dé conta da situación na que se atopa esta polémica adxudicación.
Para Ameijide é unha provocación que sexan os medios de comunicación os que informen dun asunto desta envergadura” criticando que os socialistas sexan incapaces de chegar a acordos “nun tema como son as festas de Lugo”.
O vicevoceiro populare asegura que o goberno local non é consciente da súa realidade, de que están en minoría e por iso siguen actúando de forma unilateral e con prepotencia e iso, afirmou, é moi perigoso porque cada vez están máis sós”.
De no convocar nos vindeiros días a Comisión de Festas os populares anuncian que pedirán a comparecencia en pleno da concelleira responsable de Cultura, Carmen Basadre para que explique os pasos que se están a dar para cerrar a concesión das casetas.
Ameijide lembrou que o seu grupo, dende o primeiro momento, discrepou coa forma coa que se adxudicaron as casetas do polbo advertindo “dos riscos do prego de condicións nos que se deixaba á porta aberta á especulación”.
O popular lembrou que “non se requería ningún tipo de experiencia hostaleira aos que participasen no concurso, tamén criticou o feito de que non se ligase o caldeiro á caseta”. Ameijide explicou que reclamarán que se incorporen estas dúas peticións as novas bases así como distintas medidas para garantir o cumprimento das ofertas por parte das firmas que se presenten evitando, deste xeito, a especulación e a falta de experiencia no sector.
Mellora dos pregos
Ao igual que o PP, o grupo municipal Lugonovo tamén quixo opinar sobre este polémico feito, e a edil desta agrupación Cristina Pérez Herráiz deixou claro que hai que cambiar os pregos para que “non se repita a situación do pasado ano”.
“Ao ter que licitar de novo as casetas do polbo para o San Froilán poderíanse solventar aqueles erros que deron lugar á esperpéntica licitación do ano pasado. Precisamente o feito de que en 2016 se fixeran tan mal as cousas podería darnos agora a posibilidade de solucionalas, asegurando uns bos servizos, boas condicións laborais e salariais e prezos xustos e evitando a especulación. Pero lamentablemente parece que esa non é a intención da concelleira”, apunta Pérez Herráiz quen cre convinte unha revisión das bases que rixen o procedemento.
Dende a formación presentaranse varias preguntas por escrito para saber como pensa abordar o executivo o proceso e “evitar, ao mesmo tempo, que se reproduzan as consecuencias tan desagradables que empañaron o inicio das pasadas festas patronais”, conclúe Cristina Pérez.