O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, lamenta que o Concello se vaia ver abocado a pagar cada ano 11 millóns de euros a só dúas empresas multinacionais por facturas sen contrato e cos correspondentes reparos de legalidade.
Tras a finalización no día de hoxe da vixencia do contrato de limpeza viaria, recollida de residuos e transporte logo de 21 anos de duración “sen que por parte do goberno local se deran mostras de ter avanzado nada en relación a unha nova licitación do servizo máis caro para as arcas municipais”, Castiñeira afirma que a contía á que ascenderán este tipo de pagamentos “chegará a niveis inéditos no Concello de Lugo”.
Nesta liña, explica que tomando como referencia o pago mensual duns 600.000 euros a Urbaser, “contía á que haberá que engadirlle o IPC”, as facturas ao longo de 2017 e 2018 estarán en torno aos 7,3 millóns de euros, unha contía que se vén a sumar aos 3,3 millóns de euros que terá que abonar neste periodo o Concello de Lugo a Gestagua entre a depuradora e a potabilizadora, sen vinculación contractual dende novembro de 2011 e febreiro de 2011, respectivamente.
Segundo calcula Castiñeira cunha nova licitación destes contratos se poderían obter unhas melloras por un importe entre o 20% e o 25% do seu prezo actual, é que só con readxudicar estes tres servizos o Concello de Lugo podería aforrar ao ano en torno a 2,5 millóns de euros”.
Así mesmo, o popular fai fincapé en que “non se trata dos únicos servizos nestas circunstancias”, dado que “o propio informe de contratación de 15 de febreiro de 2017 reflectía a falta de avances nun total de 5 dos 14 cuxos pagamentos levou onte ao pleno o goberno local”, polo que a cifra “non deixará de medrar mentres a alcaldesa siga mirando para outro lado”. En opinión de Castiñeira, “Méndez marcará un novo fito para as arcas municipais, non só convertendo ao Concello no segunda capital peor pagadora do estado senón tamén permitindo que caduque o contrato que máis caro lle sae á administración municipal”.