Antonio Ameijide, voceiro do grupo Municipal Popular, deu conta hoxe dos cambios internos que sufrirá o seu partido a partir de agora e nos vindeiros dous anos de mandato socialista. Ameijide deixou claro que é un cambio para mellor e que tratan de “revalidar o compromiso do partido coa cidade, crear da cidade de Lugo unha cidade para investir, para emprender, unha cidade para o turismo e para quedarse, para que ninguén se teña que ir porque non ten posibilidades para quedarse”, anunciou o voceiro.
O voceiro explicou que o seu partido traballará nos dous anos que quedan para renovar o compromiso con Lugo ” e cos lucenses”, para elo, se reunirán coa veciñanza para demostrar aos lucenses “que hai unha alternativa real á situación na que está Lugo, a un goberno totalmente bloqueado e superado polas circunstancias“. Ameijide aclarou que o seu partido é o único que pode gobernar a cidade con solvencia e por esto reestruturan a formación local en nove areas, reforzando o que cree que fraquea no Concello de Lugo, como o turismo.
A asignación dos edís a cada un delas estableceuse pensando na súa cualificación e experiencia, pois o obxectivo é “facer unha política rigorosa e seria. Para vender fume xa están outros”, apuntou o voceiro do PP.
Neste senso, destacou que “intentamos que a asignación a cada área fose o máis axustada posible ao perfil dos edís. É dicir, o que pretendemos non é outra cosa que ser os máis útiles e eficaces posible”. Deste xeito, anunciou que, dada a importancia que ten o turismo e, especialmente o Camiño de Santiago, para Lugo, “quixemos darlle un especial tratamento, xa que non podemos esquecer que é un dos nosos tres Patrimonios da Humanidade. Cremos, por tanto, que debido á importancia cultural e turística que ten ben merece unha área específica”. Esta responsabilidade recae no edil Ángel Trabada, que será o encargado tamén de Obras e Infraestruturas, Avarias e Mantemento Urbano, Turismo e Promoción.
A este respecto, ademais da indicada, e tal e como explicou Ameijide, o reparto destas nove áreas queda do seguinte xeito:
Antonio Ameijide: voceiro, Transporte, Mobilidade Urbana, Economía e Contratación.
Enrique Rozas: vicevoceiro, Deportes, Policía e Seguridade Cidadá, Bombeiros e Grúa.
Ana López Pombo: vicevoceira, Medio Ambiente, Mercados, Salubridade e Igualdade.
Encarna Amigo: Cultura, Museos, Patrimonio e Difusión Cultural
Carmen Penelas: Educación
Isabel Devesa: Urbanismo e Desenvolvemento Urbano e Sostible
Manolo López: Zona Rural
Mari Teijeiro: Servizos Sociais, Xuventude e Servizos Xerais Municipais
Asemade, o PP municipal aposta tamén por cambiar as súas representación nas Comisións de Pleno, así como outras representacións en padroados, fundacións e outras comisións. Deste xeito, cambiarán tamén as tres dedicacións exclusivas coas que conta o partido, recaendo en Antonio Ameijide, Enrique Rozas e Manolo López; sen que quede ningunha dedicación exclusiva parcial que ata agora recaía en Ana López Pombo e Isabel Devesa.