O Grupo Provincial do Partido Popular preguntara no próximo pleno ao Goberno da Deputación, sobre a futura xestión e o mantemento dos hortos urbanos situados nas parcelas xunto ao río Rato.
Os populares lembran que no ano 2016 finalizou a concesión que a institución provincial, a través de Suplusa, concedeu á Federación de Asociacións de Veciños de Lugo para a xestión destes hortos. Ante esta situación, dende o Goberno da Deputación anunciaron que estaban a traballar na ampliación e modernización do coñecido como ‘Proxecto de hortos ecolóxicos’.
Así, o Grupo Provincial do Partido Popular, que explica que dende este anuncio en novembro de 2016, “non se coñeceron novos avances e datos sobre este plan”, considera necesario que o Goberno da Deputación “dea máis información ao respecto e explique en qué punto está o proceso de ampliación e modernización do proxecto” así como, engaden, “que nos expliquen en qué van conseguir estas actuacións”.
Polo tanto, a pregunta dirixida polos populares aos responsables da institución provincial para a súa resposta na próxima sesión plenaria, prevista para este mércores, expón de xeito literal: “¿Que pensa facer o equipo de goberno provincial respecto á xestión e ao mantemento dos hortos urbanos e cales serán as actuacións que se levarán a cabo no marco do anunciado ‘Proxecto de hortos ecolóxicos’?”
Por último, os populares agardan obter unha resposta clara e que manifeste que o Goberno provincial está a desenvolver a ampliación dun proxecto que tivo boa acollida entre os veciños e que permite poñer en valor e sacarlle partido a estas parcelas situadas xunto ao Río Rato. “Temos o labor de controlar e fiscalizar ao Goberno e queremos coñecer os seus plans e que estes respondan as verdadeiras demandas dos usuarios destes terreos”, precisan.