O Partido Popular da provincia oponse á suba dun 7% na taxa do servizo de recría que propón o goberno da Deputación, por considerala “excesiva e inxustificada”.
Así o explicou o voceiro da agrupación, Javier Castiñeira, quen informou de que, coa suba, os prezos do centro de recría equipáranse aos que aplican as empresas privadas. Un feito que os populares tildan de “inaceptable”.
Na opinión de Castiñeira, esta suba pretendida polo Goberno provincial, “é un mal comezo da socialita Sonia Verdes á fronte da granxa Gayoso Castro e do centro de recría”. Un aumento que Castiñeira atribúe á “falta de proxecto para a provincia do goberno PSOE-BNG” na Deputación.
O portavoz popular considera “que os prezos son inxustificados, excesivos e póñense en igualdade de condicións aos dos servizos que prestan diferentes empresas privadas”. Para os populares “non se entende que un servizo público, como é este caso, teña o mesmo prezo que os que se están aplicando agora mesmo nas empresas privadas”.
Castiñeira di que a proposta que leva o Goberno ao pleno “é unha proba máis da falta de xestión do Partido Socialista na granxa Gayoso Castro e, como vén denunciando o PP, da falta de proxecto para a provincia, que trae como resultado, entre outras consecuencias, unha suba desproporcionada do 7% na taxa do centro de recría, que acabarán pagando os gandeiros da nosa provincia”.