O PP pedirá que Xunta, Concello e Deputación colaboren para equipar o Auditorio

O Grupo Provincial do Partido Popular e o Grupo Municipal do PP de Lugo anunciaron hoxe que van presentar mocións conxuntas ao Pleno da Deputación e do Concello de Lugo para demandar que a Xunta, a institución Provincial e a municipal colaboren na dotación do equipamento do novo auditorio de Lugo.

Nunha rolda de prensa conxunta ofrecida pola voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, e polo voceiro do Grupo Municipal do PP, Jaime Castiñeira, na que tamén estivo a deputada Encarna Amigo, os populares explicaron que a Xunta mantén o seu compromiso de destinar 1,2 millóns de euros a esta dotación. Lamentan que en todo este tempo o Concello de Lugo, gobernado pola socialista Lara Méndez, “non tivera vontade algunha para conseguir o financiamento preciso para culminar esta importante infraestrutura cultural para a cidade e a provincia”.

Na iniciativa que presentarán os populares provinciais e os municipais pedirán que o financiamento restante para o equipamento total do auditorio, até alcanzar os 3,4 millóns de euros, sexa achegado pola Deputación Provincial e o Concello de Lugo.

En concreto, pedirán que nos Orzamentos correspondentes a cada unha das institucións, Xunta, Deputación e Concello se contemplen as partidas necesarias para facerlle fronte a este investimento. Os populares precisan que no plan de inversións do Concello de Lugo figuraba unha partida de 201.000 euros en 2015 e unha de 50.000 euros en 2016 para destinar ao equipamento do auditorio, o que demostra que tiñan en previsión colaborar no seu financiamento.

Recordan tamén que o Goberno galego investiu na construción desta infraestrutura preto de 20 millóns de euros, case o 95% do custo total da obra, ademais dos terreos, o que demostra o “compromiso da Xunta con Lugo e coa súa dotación cultural”, remarcan.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com