O PP pide a instalación de elementos de seguridade viaria en República Arxentina e Ronda do Carme

O concelleiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, sinala que tralo accidente ocorrido a pasada fin de semana na Ronda de República Arxentina, “sería oportuno” estudar a colocación dalgún tipo de elementos de contención e de seguridade neste punto da cidade para evitar novos sinistros deste tipo no que, neste caso, non houbo que lamentar máis que danos materiais.

Antonio Ameijide explica que nesta zona da cidade xa se produciron diferentes accidentes nos últimos anos, polo que o Concello de Lugo debería estudar que tipo de medida de protección sería a máis axeitada para protexer aos condutores. “É preciso dotar a este punto dalgún tipo de medida de seguridade, para protexer aos condutores que circulan por esta zona en ambos sentidos, xa que se por desgraza un vehículo volta a caer desde a parte superior da vía e bate contra outro automóbil a situación pode ser terrible”, sinalou.

Por iso, o concelleiro popular reitera a necesidade de dotar de seguridade a esta zona da cidade, algo que xa se solicitou en varias ocasións desde o Grupo Municipal Popular. Outra das melloras, moitas delas solicitadas polos veciños da zona, é dotar de seguridade aos peóns na confluencia das rúas Santiago, Ronda do Carme e República Arxentina.

Neste punto hai un tramo no que a beirarrúa “é moi complicada de ver para os condutores que circulan por República Arxentina cara a Ronda do Carme e xa se deron situacións nas que algún vehículo pasou por enriba
da beirarrúa poñendo en risco aos peóns”. Por iso, é preciso estudar a posibilidade de colocar varandas ou algún elemento que protexa aos viandantes e permita identificar aos condutores que diante teñen unha beirarrúa.

Tamén sería preciso estudar a situación do talud que hai neste punto, xa que se trata dunha zona na que xa se ten producido algún desprendemento de terra cara a rúa, “polo que o perigo é evidente” e o Concello de Lugo debe poñer algún tipo de solución.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com