Carlos Armesto Carlos Armesto

O PP pide a intervención da Valedora ante os incumprimentos dos acordos plenarios da Deputación

O Grupo Provincial do PP remitiu esta mañá un escrito de queixa á Valedora do Pobo a través do que solicita a intervención deste alto comisionado para que dende o Goberno da Deputación de Lugo se respecten os acordos plenarios. Dun xeito concreto, os populares fan referencia aos reiterados incumprimentos relativos á modificación do Regulamento Orgánico de Funcionamento (ROF) da administración provincial, cuxa ultima moción nin tan sequera chegou a ser debatida por unha decisión, “arbitraria e inxustificada” xa que, segundo defenden dende o PP, esta proposta “contaba cos requisitos legais necesarios para proceder ao seu debate”.

Os populares na exposición de motivos do escrito que remitiron á Valedora expoñen que as mocións que os grupos políticos con representación na institución provincial elevan ao Pleno “son o instrumento fundamental co que contan para formular propostas e peticións ademais de para facer efectiva as funcións de control e orientación política da oposición, cuxo exercicio garante a calidade democrática provincial”.

Ante isto, dende o Grupo Provincial do PP trasládanlle a Valedora que o Equipo de Goberno da Deputación de Lugo está a vulnerar, “dun xeito deliberado e consciente”, o exercicio do Pleno xa que, segundo informan, existen mocións aprobadas que “non son executadas polo equipo de Goberno ou incluso non as deixan someter a debate e votación retirándoas no mesmo momento da celebración da sesión plenaria, como é o caso da última proposta presentada polo Grupo Provincial Popular de modificación do Regulamento Orgánico da Deputación e que quedou sobre a mesa na última sesión plenaria”.

Deste xeito, os populares defenden que cando un cargo representativo exerce as súas funcións “non debe atopar cortapisas inxustificadas, pois doutro xeito vulnérase o seu dereito ao exercicio de representación política, e de forma indirecta, elévanse obstáculos improcedentes á plena efectividade do dereito dos cidadáns a participar nos asuntos públicos, pedra angular do noso sistema democrático”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com