O vicevoceiro popular, Antonio Ameijide, asegurou esta mañá que o “tour turístico da vergoña do bipartito” debe ampliarse a todos os edificios municipais abandonados e sen uso que hai no municipio. Para o popular é necesario establecer un plan de aproveitamento daqueles inmobles que son recuperables “queremos que se faga un listado completo de edificios abandonados; determinar cales son recuperables e cales deben desmantelarse; consensuar usos futuros e cuantificar os custes da súa reapertura”.
Para Ameijide, un punto de partida para arrancar este programa de reutilización de edificios propiedade do concello é realizar visitas aos mesmos lembrando que “o PSOE leva case tres anos impedindo o acceso aos concelleiros do PP que solicitaron visitar todas estas instalacións. Queremos coñecer de primeira man o estado real así como o potencial”.
O vicevoceiro dos populares lembrou que o PSOE votou en contra en 2017 de permitir o acceso ao Grupo Popular a estes inmobles, incluído o cuartel de San Fernando “queren ocultar a súa inacción e o seu desprezo polo patrimonio municipal”.
Ameijide cuantificaba en 14.211.836,06 millóns de euros o valor de nove inmobles que están deteriorados e sen uso como son: o cuartel de San Fernando (2.412.695,07 €), a Fábrica da Luz (1.292.591,89 €), a vella depuradora (2.386.923 €); a vella potabilizadora (1.279.876 €), o matadoiro (935.623,01€), escolas rurais de diferentes parroquias destacando a escola de Labio (13.709 €); a escola de Cabanas (271.440 €) e mesmo, os depósitos de Frigsa (110.196,78€) .
A proposta que elevará a pleno o Grupo Popular é crear unha mesa de traballo, con representación dos grupos da corporación e técnicos, para elaborar unha proposta conxunta co ánimo de recuperar e poñer en valor todos estos edificios, que son de titulariedade municipal, e que na actualidade están sen uso.
Ameijide resumía que “hai algúns inmobles que poden ser irrecuperables como a vella depuradora, que está desvalixada e se converteu nunha zona perigosa, polo que habería que plantexarse descontaminar a zona tal e como se fixo na vella residencia”; noutros casos como a potabilizadora teñen un potencial valioso para actividades deportivas ou de ocio. Os vellos depósitos ou a nave do matadorio son construcións aproveitables e moi versátiles cun mínimo acondicionamento. Para o Antonio Ameijide “o abandono e o saqueo non é unha opción para estes edificios públicos” manifestando que “hai que deseñar unha folla de ruta e incorporar estas propiedades ao deseño do futuro de Lugo”.