O PP pide garantir a seguridade dos técnicos municipais de servizos sociais

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Mari Teijeiro, fixo público o problema de seguridade que viven os traballadores dos servizos sociais municipais, que levan varios anos agardando a que os socialistas lles doten das medidas de seguridade prometidas para o desenvolvemento das súas funcións.

Nunha xuntanza do ano 2016 sinalábase como medidas pendentes de poñer en marcha “sistemas de alamar, como a pulseira de seguridade, non tratándose de novo este tema” nas seguintes xuntanzas. Teijeiro lembrou que estas medidas son de “vital importancia” para os traballadores municipais xa que “en varias ocasións” viviron situacións que poñían en risco a súa integridade. Ademais explicou que as pulseiras de seguridade son de utilidade cando os traballadores dos servizos sociais realizan visitas aos domicilios e se atopan “totalmente indefensos” ante situacións nas que puideran xurdir “condutas agresivas”.

O botón do pánico ou alarma silenciosa é outra ferramenta fundamental nas dependencias municipais, ademais do persoal de seguridade privada. Teijeiro di que instalar este elemento de seguridade permitiría avisar de calquer incidente nun despacho ou nunha dependencia pechada na que se producen entrevistas individuais. Neste senso, a concelleira popular demanda seguir apostando pola seguridade das traballadoras e traballadores dos servizos sociais e poñer en marcha as medidas comprometidas que ata agora so cristalizaron “nunha nova distribución do mobiliario para facilitar unha vía de escape aos traballadores” e na posta en marcha do servizo de vixianza tras a insistencia do Grupo Popular, lembrando que “se leva traballando neste eido dende o ano 2013”.

Ante esta situación Mari Teijeiro pide que se “dote inmediatamente” destes elementos de seguridade aos traballadores e traballadoras e dependencias municipais xa que “non valen máis escusas” neste eido porque a “falta de medios económicos” podería solucionarse coas aportacións procedentes do ‘bonus bueno’ xa que “falamos dunha bonificación que se lle da ao comité de seguridade e saúde para que invirta esa partida orzamentaria na mellora da protección dos traballadores”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com