O PP pide informes técnicos para saber se foi legal a adxudicación da revista do San Froilán

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, anunciou esta mañá en rolda de prensa que solicitará informes técnicos sobre a legalidade da adxudicación do programa e a revista de San Froilán a unha empresa leonesa, que explota e recada en exclusiva a publicidade dos mesmos, “sen ningún concurso público e cunha adxudicación a dedo, acreditada polo menos nos últimos 13 anos”.

Nesa liña, Castiñeira expuxo que “dos papeis que por fin nos deixaron ver onte e despois de levar agardando dende o 9 de setembro, o único que hai é un documento no que os sucesivos concelleiros autorizan estes traballos, sen ningún procedemento técnico previo, a unha determinada firma privada”. “O que máis chama a atención é que estes acordos non están respaldados por ningún informe técnico”, subliñou Castiñeira.

O popular preguntou ademais “cales foron as razóns concretas polas que se elixiu a esta firma privada de Ponferrada en lugar de a calquera outra das múltiples do noso municipio de Lugo, e que se poderían ter ocupado perfectamente desta xestión”.

Nese senso, Castiñeira censurou que se está a facer é “limitar a participación doutras empresas, infrixindo a lei, baixo o noso punto de vista”, ao tempo que se preguntou “que criterios se adoptaron para as tarifas, que deberían ser establecidas polo Concello de Lugo como taxas públicas que son”.

Diante desta situación, os populares reclamarán que o servizo de Intervención municipal, de Secretaría, de Contratación e a Asesoría Xurídica elaboren informes a respecto da legalidade deste procedemento, “tendo en conta que estamos a falar dunha decisión unilateral dos sucesivos gobernos socialistas que ten repercusións para as arcas económicas do Concello, á marxe das evidentes implicacións éticas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com