O Grupo Provincial Popular pide ao presidente da Deputación, José Tomé, “que se aclaren e digan claramente aos veciños de Becerreá e a zona dos Ancares que pensan facer coa residencia e centro de día comarcal”.
Antonio Ameijide, voceiro popular, pídelle ao goberno provincial á vista de que “un día espertamos cunha noticia na prensa na que din que a residencia comarcal de Becerreá non se axusta ao seu modelo -a pesar de que foi o propio goberno provincial cun presidente da mesma cor política o que firmou toda a documentación- e, uns días despois, digan que si que a pensan abrir”.
O popular denuncia, “non especifican ningunha data prevista para a súa posta en funcionamento”. A este respecto, Ameijide incide en que “atendendo aos propios números do goberno provincial, non está previsto a apertura de ningunha residencia de maiores para o vindeiro ano 2024 porque os orzamentos da Deputación de Lugo non contemplan máis fondos para abrir máis residencias, nin sequera a de Becerreá que xa está construída”.
Ameijide cre que “non é xusto” que “este inmoble -construído pola Deputación de Lugo cun investimento de arredor de 4M€ de tódolos lucenses- continúe pechado”. Fai preto de 2 anos que remataron as obras e, recentemente, instalouse o centro de transformación. Só falta poñelo en marcha”.