O Grupo Provincial do Partido Popular pídelle ao presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, que leve ao vindeiro pleno da corporación, que se celebrará o día 29 deste mes, a cesión para poder acadar o acordo preciso para sacar adiante o proxecto de conexión da ponte nova de Lugo levantada sobre o río Miño co tramo urbano.
En concreto, nesta actuación preténdese conectar a ponte nova de Lugo co vial urbano. Deste xeito procederase á construción dunha glorieta de conexión da estrada N-VI, no seu punto quilométrico 498-800, coa rúa Alfonso X O Sabio.
A voceira do PP, Elena Candia, precisa que “este proxecto atópase recollido no Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Lugo, pero para poder avanzar no mesmo dende o Ministerio de Fomento requírense terreos da súa titularidade, correspondentes á parcela de referencia catastral 8509201PH1680N”.
Deste modo Candia sinala que aínda que “o proxecto se atopa nun avanzado estado de redacción”, para axilizar a súa aprobación “resulta necesario que a Deputación remita un acordo plenario no que conste que pon a disposición do Ministerio de Fomento os terreos necesarios para a construción do citado proxecto”.