O PP pídelle á Deputación que colabore no financiamento das actividades dos GDR

O Grupo Provincial do Partido Popular de Lugo rexistrou un rogo que foi presentado no último Pleno da Corporación dirixido ao presidente da institución, Darío Campos, no que lle piden ao Goberno da Deputación que estude a posibilidade de abrir liñas de colaboración para o financiamento dos Grupos de Desenvolvemento Rural.

Os populares trasladaron esta iniciativa ante a próxima creación de seis GDR  que abarcarían cada un deles un ámbito territorial concreto e que de xeito conxunto chegarían a toda a provincia, coa finalidade de promover o desenvolvemento local nas zonas rurais. A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, considera “moi necesaria” a colaboración da Deputación lucense tendo en conta que estes Grupos poñen en marcha importantes proxectos que contribúen ao desenvolvemento económico e social do territorio.

Candia engade “que outras administracións provinciais galegas, como son a da Coruña e a da Ourense, xa colaboran no financiamento dos gastos derivados do funcionamento dos GDR nas súas respectivas provincias”.

Para o Grupo Popular “este sería un claro exemplo de implicación da institución coas necesidades da provincia xa que estes grupos aplican estratexias de desenvolvemento para os seus territorios”, conclúe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com