O Partido Popular quere que o goberno provincial aclare que pretende facer coa chamada Casona do Incio, da que dende o ano 2007 é titular a Sociedade Urbanística Provincial de Lugo, S.A (SUPLUSA). Os populares presentarán varias preguntas na próxima sesión plenaria, para coñecer, por un lado, que ten previsto facer o equipo que dirixe o socialista Xosé Tomé con respecto ao citado inmoble. Os deputados provinciais do PP esperan obter resposta tamén á pregunta de se o goberno da Deputación respectará o compromiso recollido no orzamento de 2019 para a recuperación da Casona do Incio.
Esta é unha cuestión que segue sen resolver, pese a que xa vén de vello. No pasado mandato (2015-2019), a Deputación adquiriu compromisos para a recuperación deste edificio e do seu entorno. Eses compromisos seguen sen executar a día de hoxe. Pero, a maiores, na sesión plenaria celebrada pola corporación provincial o 26 de maio de 2018 adoptouse un acordo para a rehabilitación integral deste significativo edificio do Incio. Precisamente, no orzamento da Deputación correspondente ao exercicio que está próximo a rematar incluíronse 200.000 euros para a rehabilitación; é máis, nos dous últimos anos figuraron partidas para o mesmo fin no orzamento de Suplusa.
Os deputados do PP agardan que o goberno provincial dea respostas claras ás preguntas que lle expoñen. Os lucenses, e sinaladamente os veciños do Incio, teñen dereito a coñecer que proxecta o goberno da Deputación para A Casona, e, máis importante aínda, queren que as obras de rehabilitación se executen canto antes.
Dec 15, 2019 - 12:01 PM
Xa veremos? Uns pregunta, outros non din nada. É a casa caendo