O PP pregunta ao goberno local por que non cubre as numerosas baixas que hai nos centros sociais

As baixas que estes días asolan os diferentes centros sociais municipais están a colapsar aínda máis un servizo xa saturado habitualmente e que estes días “non da máis de si”. Así o explica a concelleira popular, Macamen López, despois de ter coñecemento da situación que están a sufrir os poucos traballadores que están dispoñibles e que non reciben ningún tipo de axuda xa que o Concello non está a cubrir as baixas.

Unha situación pola que preguntará a concelleira popular, sobre todo para coñecer os motivos que ten o goberno local para non cubrir estas baixas, independentemente do tempo de duración que teñen, xa que “se os traballadores dos servizos sociais están saturados a diario, cando un compañeiro se pon de baixa, o traballo se acumula aínda máis, o que bloquea aínda máis o servizo”.

Polo que informan os traballadores, a realidade é que o servizo está saturado o que redunda en que hai usuarios aos que non se pode atender, polo que Macamen López pide ao goberno local que abra as listas de traballo para que novos traballadores se poidan incorporar aos centros sociais para axudar aos empregados que hai na actualidade, aliviar a carga de traballo e dar unha mellor atención aos usuarios.

No seu día, o goberno local informou que abriría as bolsas de emprego en función das prioridades existentes en cada servizo, “polo que non entendemos que non boten man desta opción, sobre todo agora que hai tantos traballadores de baixa e usuarios sen atender. Se isto non é unha prioridade, o goberno local debería de explicar que é unha prioridade”.

Macamen López tamén preguntará en comisión polo funcionamento dos diferentes centros sociais, así como polo sistema empregado para cubrir as baixas dos traballadores, ademais de solicitar un informe con todas as incidencias rexistradas nos mesmos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com