O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, pídelle ao Goberno local que encargue aos técnicos municipais un estudo de tráfico nas rúas das inmediacións da Praza das Augas Férreas co obxectivo de avaliar a posibilidade de ampliar as prazas de estacionamento de vehículos.
Deste xeito, o responsable de Tráfico e Mobilidade do Grupo Municipal do Partido Popular considera que “é o momento de estudar os fluxos circulatorios de rúas como Cantigas e Flores, Círculo das Artes, Camilo José Cela ou Rafael Dieste, así como na propia praza”.
En opinión de Ameijide, nalgunha destas vías unidireccionais con dous carrís de circulación o da dereita podería ser reconvertido en espazo de aparcamento, “reservando o central para o paso de vehículos, máis aínda tendo en conta que non se trata dunha zona de especial complicación en canto a retencións, o que permitiría ter unha banda de estacionamento a cada lado”.
Con esta alternativa, estas rúas equipararíanse á situación doutras da cidade, “que si presentan verdadeiras dificultades, como pode ser o caso da Ronda das Fontiñas”. Noutros casos, a alternativa pode pasar por eliminar un dos dous carrís de circulación e por reconverter a banda de estacionamento actual nun espazo de aparcamento en batería, multiplicando así as prazas existentes.