O PP propón ao Goberno local un rexistro de empresas para a adquisición de contratos menores

O Partido Popular no Concello de Lugo vén de propoñer ao Goberno local a implantación dun sistema aberto de adquisición de contratos municipais, mendiante aplicación web ou móbil, dirixido a comunicar e solicitar oferta para cada contratación municipal a todos os autónomos e empresas rexistrados na app voluntariamente.

O edil popular Antonio Ameijide lembrou como esta proposta xa se puxera sobre a mesa hai tres anos polo seu partido e, de feito, chegou a contar coa unanimidade do pleno pero, dixo, quedou gardada nun caixón. A proposición que defendeu o Partido Popular, en xaneiro de 2018, tiña por obxecto crear un sistema aberto de adquisición para contratos menores que dea publicidade de toda contratación que se oferte dende o Concello para que quen desexe acceder e presentarse a estes procedementos teña a oportunidade de facelo.

O Grupo Municipal Popular mantiña xa en xaneiro de 2018 que “era preciso desenvolver un sistema mediante o cal poidan relacionarse de maneira áxil e eficaz os provedores interesados en traballar co Concello” e suxería utilizar unha aplicación web e outra móbil que permitiría darse de alta aos usuarios que queiran contratar co Concello e elixir unhas categorías predefinidas. Unha vez que estivesen rexistrados, recibirían unha notificación de cada novo contrato menor que se oferte e que estea incluído nas categorías previamente seleccionadas.

Os provedores interesados poderían acceder á descrición de solicitude de orzamento e os requisitos da mesma tanto na web como na aplicación móbil e enviar os seus orzamentos, xunto coa documentación complementaria a través da propia web. Unha vez que se acaba o prazo de envío de orzamentos o Concello tomaría a decisión de adxudicar o contrato menor segundo as ofertas presentadas todo iso a través da aplicación web.

Todos os participantes no procedemento poderían acceder á información dos orzamentos presentados, a documentación complementaria doutros candidatos e á adxudicación, o que implicaría unha maior transparencia. Este procedemento ofrece unha imaxe de maior compromiso co ben público e de mellor rendición das contas públicas, permitindo ás empresas coñecer os procesos de compras, independentemente do sector no que desenvolvan a súa actividade. Este sistema permite realizar unha análise máis certeira da contratación menor, reducir custos, o que redunda nunha maior eficiencia e economía ás compras, e abrir a contratación menor a todo tipo de empresas.

Con respecto á listaxe que se facilitou sobre os contratos menores do ano 2020 os populares indican que “non cumpren nin tan sequera os mínimos que segundo o artigo 63.4 da Lei 9/2017, de Contratos do Sector Público especifica xa que a publicación da información relativa aos contratos debería incluir a duración, o importe de adxudicación, incluído o Imposto sobre o Valor Engadido, e a identidade do adxudicatario, ordenándose os contratos pola identidade do adxudicatario”. O documento ao que tiveron acceso os populares non ordena por adxudicatario, nin tampouco ofrece datos sobre duración do mesmo. Tampouco ofrece datos mínimos e necesarios como a data de contratación, o número de ofertas solicitadas, así como a concellería tramitadora do contrato”, sinalaba Ameijide.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com