O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Ramón Carballo, propón ao goberno local que “agora que semella que lle van a dar o impulso definitivo á biblioteca da Piringalla para convertela nun centro sociocultural, aproveiten a ocasión para crear nesta instalación unha delegación da Policía Local nesta zona da cidade”.
Ramón Carballo explica que “hai moitos anos que dende o Grupo Municipal Popular pedimos que se cree unha delegación da Policía Local na zona norte da cidade, polo que pensamos que estamos ante a ocasión perfecta para levalo adiante”. “O único que pedimos é que a alcaldesa dea cumprimento ao acordo plenario de novembro de 2015, a iniciativa do Partido Popular, no que se acordou descentralizar o servizo a través dunha nova delegación na zona norte da cidade e habilitando en dependencias municipais do centro da cidade unha unidade administrativa”, afirmou.
O voceiro popular explica que con esta nova instalación para a Policía Local Lugo os axentes estarían mellor preparados para respostar ás necesidades dos cidadáns, xa que os barrios están a medrar moi rápido polo que “temos que adaptar os servizos municipais ás novas realidades”.
Ramón Carballo pide tamén a Lara Méndez que “non se esqueza da outra parte do acordo de novembro de 2015, como é a creación dunha unidade administrativa no centro da cidade”. “Falamos dunha extensión da Xefatura de Sanfiz e serviría para realizar diferentes trámites como a solicitude de autorizacións de vehículos para acceder ao recinto histórico ou recollida de obxectos perdidos, entre outras, de xeito que se achega e facilita ao cidadán un servizo que para a maioría de lucenses está moi lonxe dende que se inauguraron as novas dependencias de Sanfiz”, rematou.
Xul 26, 2019 - 11:22 PM
si. ahora vamos poñer un policia en cada porta.