O Grupo Municipal do Partido Popular elevará unha iniciativa a pleno para que se abra unha reflexión sobre qué facer cos edificios industriais abandonados que hai na cidade. O vicevoceiro popular Antonio Ameijide pon no punto de mira a recuperación de cinco edificios inmobles que, na actualidade, están sen uso e nalgúns casos incluso nun avanzado estado de deterioro.
O vicevoceiro popular, Antonio Ameijide, explicou que é preciso consensuar un plan de aproveitamento destas instalacións antes de que sexan irrecuperables. “Estamos falando de 5 construcións industriais que teñen un valor patrimonial que ascende a case 5 M€ (4.712.596 €)”. (Vella ETAP (1.279.853,20€) e EDAR (2.386923,10€), os depósitos de Frigsa (110.196,78€) e A Piringalla e o matadoiro municipal (935.623,01€),
Ameijide insiste en que urxe pensar outros usos para estes edificios e decidir se interesa dárlles vida “este é o momento de pararse a pensar que se vai facer con estas propiedades municipais”. Para os populares “é unha mágoa que os socialistas de Lugo se despreocuparan de edificios útiles de forma innecesaria mentres que construían outros como o MIHL baleiros de contido”.
O vicevoceiro popular indicou que cando a conservación é boa “é moito máis económico reutilizar que construir un novo edificio mentres que, polo contrario se non se realiza un mantemento dos inmobles que perderon o uso, o edificio degrádase e a actuación sería moito máis custosa”.
Precisamente, para comprobar o estado destes edificios os populares solicitaron unha visita ás distintas dependencias para comprobar “in situ” como están “pensamos que hai que consensuar un uso e por iso sería importante que nesta visita participasen todos os outros grupos da corporación, así como, técnicos municipais”. “Queremos coñecer de primeira man o seu estado real así como o potencial que teñen e, dese xeito, se podería valorar o seu futuro”.