O Partido Popular propón un Plan de Aforro Enerxético Municipal para rebaixar ata un 30% a factura anual de consumo enerxético do Concello de Lugo que ascende a 5 millóns de euros ao ano. “Malia que de entrada precisaríamos facer un investimento importante estariamos falando dunha reducción de aproximadamente un millón e medio de euros” reflexionou o vicevoceiro do PP, Antonio Ameijide.
Nese senso, o popular lamentou o “pasotismo e a falta de sensibilidade” dos socialistas para implantar medidas de eficiencia enerxética nas instalacións da súa titulariedade que beneficien, tanto económica como ambientalmente, aos lucenses e como exemplo citou “o uso de halóxenos e bombillas de incandescencia convencional en edificios que se veñen de inaugurar como o Vello Cárcere”.
Con respecto ao aforro enerxético en edificios públicos o vicevoceiro popular salientou que “é preciso actuar na maioría deles para lograr unha mellora na cualificación enerxética, o que se traduciría nun aforro económico e tamén nunha mellora na habitabilidade dos mesmos”. “A mellora das fiestras e das portas que garantan unha maior eficiencia, realizar un estudo e se procede cambios nos sistemas de climatización e nas caldeiras permitirían reducir o consumo de enerxía”.
Ameijide recrimina aos socialistas o seu empeño en desmantelar o servizo electromecánico xa que unha das consecuencias desta decisión é o frenazo dos avances tanto de eficiencia enerxética como de mellora do alumeado público “non hai un mínimo cronograma que determine como completar a substitución das luminarias das farolas por outras tipo led, ou tampouco hai quen chequee en que rúas hai problemas de iluminación porque non hai suficientes puntos de luz mentres que, noutros lugares, hai un exceso de iluminación”. Na actualidade, unicamente, está en proceso de implantar a tecnoloxía led unha parte da zona de Fingoi, Recatelo e Paseo do Rato.
O vicevoceiro popular explicou que con respecto á rede semafórica, que tamén suma na factura do consumo eléctrico, aínda que “xa se substituíron unha boa parte das lámpadas por led, compre seguir nesa liña para chegar á substitución total no menor prazo de tempo posible”. A estas medidas de aforro enerxético en infraestructuras municipais habería que engadir “o uso de enerxías alternativas nas infraestructuras municipais de alto consumo”. Antonio Ameijide sulbliñou que esta posibilidade podería brindárnola Evislusa xa que se cambian os seus estatutos dentro das súas funcións podería figurar a produción e comercialización de enerxía.