O Grupo Provincial do Partido Popular rexistrou esta mañá a convocatoria dun Pleno de carácter extraordinario para a aprobación da modificación do regulamento orgánico da Deputación de Lugo. Elena Candia destaca a importancia de aprobar un novo regulamento orgánico que permita garantir o funcionamento da institución e, deste xeito, “conseguir a través do reforzo das competencias do Pleno unha xestión pública, responsable, eficaz e transparente que mitigue a existencia dun Goberno provincial en minoría e que ten manifestado en múltiples ocasións a súa incapacidade para xestionar a institución”.
Motivación
A voceira do PP explicou que “desde o seu Grupo consideran que o actual Regulamento foi quedando en parte obsoleto pola concorrencia de cambios normativos e sociais, “motivo polo que entendemos que é necesaria e urxente a súa modificación”.
“Entre as razóns que xustifican os cambios está a adaptación ás modificacións da lexislación de procedemento administrativo, en especial sobre a entrada en vigor da Lei de transparencia ou dos textos que regulan a administración electrónica”, subliñou.
Tamén, remarcou, “a conveniencia de clarificar certos aspectos organizativos, postos de manifesto nos últimos tempos, tales como o réxime dos deputados non adscritos, o réxime aplicable ás declaracións de bens e actividades, a transcendencia da implantación da administración electrónica no estatuto dos membros da corporación (especialmente no réxime de acceso á documentación), ou reforzar o control do Pleno sobre o exercicio das súas competencias orixinais que foron obxecto de delegación, co gallo de garantir que o alcance da delegación se corresponde coa vontade plenaria delegante en cada momento”.
Consello de administración de Suplusa
A voceira precisou que esta é a primeira medida, pero avanzou que tamén “se vai rexistrar a solicitude dun Consello de Administración de Suplusa para solicitar a inscrición desta entidade no rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais para facer a proposta de aprobación de orzamentos da propia entidade e, en definitiva, toda vez que seguimos sen ter moitas noticias do Goberno. Seguimos suplindo a súa inactividade e facéndoo de xeito construtivo e pensando sempre no ben da nosa provincia. Traballando que é para o que nos elixiron os veciños e veciñas da provincia”, rematou.