O Partido Popular reclama ao Concello de Lugo unha planificación para impulsar a eliminación de tapóns urbanísticos na cidade: propón elaborar un censo deles e que se priorice súa supresión para evitar que “estes atrancos en vía pública se eternicen no tempo”. O vicevoceiro popular, Antonio Ameijide, explicou que no chequeo realizado en diferentes barrios da cidade o seu partido detectou ata vinte tapóns urbanísticos manifestando que “moito nos tememos que de non aceptar a nosa petición seguirémolos sufrindo durante moitos anos máis”.
Entre os máis importantes, os populares destacan un no Camiño de Pipín (Milagrosa), do que destacan que “é un punto moi conflictivo porque está situado ao lado dun colexio e ás horas punta de entradas e saídas supón un verdadeiro perigo para os cativos e cativas”. Tamén na zona, resaltan a rúa Mazaira, onde uns 240 metros de fincas ao longo da rúa ocupan a estrada, polo que consideran que “habería que iniciar conversas para recuperar o espazo para ampliar esta vía”.
Entre o barrio do Sagrado Corazón e Galegos existe un “punto negro” no que, segundo aseguran os populares, está tendendo a aumentar o tráfico exponencialmente, debido á apertura do Hula. Trátase do Camiño de Friás.
Os populares falan de varios puntos críticos en Fontiñas. O primeiro, o Carril das Hortas, entre Fontiñas e San Roque tíldano como “un dos tapóns históricos”, preto do Camiño Primitivo e nun barrio en crecemento, o PP asegura que non hai un “proxecto claro” do Concello para eliminar esta barreira. O segundo dos obstáculos urbanísticos sitúano na rúa San Xillao que comunica a Ronda de Fontiñas coa rúa Rei Don García. “Neste punto hai un estreitamente de 170 metros ao longo da rúa que linda con Aspnais e sería convinte que iniciasen contactos cos propietarios para abrir unha rúa en condicións”. Continuando na zona de Fontiñas, esta vez na rúa Xosé Novo Freire (comuncia Ronda das Mercedes con Plaza da Fonte do Rei), atópase outro tapón nunha zona de intenso tráfico debido ao campo de fútbol do Polvorín.
En Montirón, o PP lembra a rúa Rof Codina, onde hai un “perigoso” tapón para cuxa eliminación o partido azul xa presentara unha iniciativa a pleno. Por último os populares sitúan outro obstáculo na rúa Ramos Misioné, na zona de Magoi, onde hai seis anos que se reasfaltou e o PP pedira iniciar os contactos cos propietarios do solar que ocupa a vía para que cedesen un metro e medio, pero, polo que denuncian o Goberno “non fixo nada”.