O grupo provincial do PP reclama do presidente da Deputación, o socialista José Tomé, que convoque o pleno ordinario correspondente ao mes en curso e, previamente, como é preceptivo, as reunións das comisións. En abril non houbo pleno ordinario, polo que, en palabras do portavoz popular, Javier Castiñeira, “a Deputación leva pechada politicamente dous meses, algo inaudito nunha institución que xestiona un presuposto de 93 millóns de euros”. Mañá, martes, finalizará o prazo para a convocatoria das comisións. En abril non houbo sesión plenaria ordinaria.
Os populares mostran a súa estrañeza polo feito de que, ao longo de toda esta crise sanitaria, o presidente da Deputación non chamase nin nunha soa ocasión ao portavoz do grupo da oposición (PP), que é o que ten máis membros, para informar ou comentar o estado de cousas e buscar acordos moi necesarios en momentos tan delicados para a provincia. “Non entendemos tanto secretismo”.
Castiñeira puntualiza: “A Deputación ten que celebrar este mes pleno ordinario, ten que acabarse o tempo do secretismo e de gobernar a golpe de decreto”.