“O goberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, ten unha probada capacidade para tratar de xerar o relato que máis convén aos seus intereses políticos, aínda que non coincida coa realidade. Iso mesmo é o que tratou de facer con respecto ao informe da Valedora do Pobo en relación co escrito de queixa presentado polo grupo provincial do PP por non ser autorizado a visitar dependencias da Deputación”, así o dixeron os populares logo de coñecer as declaracións dos membros do Goberno en torno á resposta da Valedora do Pobo ás queixas dos populares ante a negativa do equipo executivo a que a oposición entrara a certas instalacións públicas.
Neste sentido, o portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “No grupo provincial do PP estamos abraiados, xa non pola formas da portavoz socialista, Pilar García Porto, senón polas propias conclusións que saca do informe da Valedora, absolutamente subxectivas e interesadas; é o que peor, feitas públicas á présa, sen que os interesados, os deputados do PP, tiveran aínda acceso ás mesmas”. Á vista das afirmacións do goberno provincial, o PP destaca: “A Valedora do Pobo recoñece o dereito dos deputados do PP a acceder ás instalacións provinciais, ben sexan almacéns ou, con moito máis motivo, a dependencias abertas ao público, dentro da súa labor como representantes electos”.
Castiñeira tamén destaca que “o propio informe advirte á Deputación de que non pode usar o mesmo informe para denegar o acceso a un almacén, por motivos de seguridade dos propios deputados, que para entrar en dependencias administrativas”. Engade que a Valedora condiciona as restricións que pretende aplicar o goberno provincial no acceso ás dependencias a que sexan as mínimas posibles e estean debidamente motivas, de forma clara e axustada; que sexan as mínimas indispensables.
Por outra parte, o portavoz popular declara: “En contra do que estableceu a Deputación, non é necesaria a autorización do equipo de goberno, como aseveraba este, senón que en todo caso, e por cuestións organizativas, o más lóxico sería que se usase unha comunicación previa”. Respecto a isto último, o informe da Valedora, destaca Castiñeira, “indica que a Deputación non pode pedir máis requisitos a un deputado que os que esixe aos cidadáns que queren acceder ás oficinas para facer xestións”.
As conclusión que saca o Partido Popular son claras e non son dirixidas como as da socialista García Porto. “O equipo de goberno da Deputación tentou usar un informe no que se alegaban cuestións de seguridade nunha nave en mal estado para xustificar o non acceso a dependencias administrativas, abertas ao público; de feito, a Valedora requírelle a Deputación que canto antes emende esa situación de perigosidade para que os deputados do PP poidan acceder á nave”.
O portavoz popular di: “Seguimos pensando, agora máis que nunca, que o goberno da Deputación dificulta por activa e por pasiva o rigoroso traballo da oposición, con fins políticos e usando os medios provinciais para valerse dunha posición vantaxosa ante os deputados populares”. Engade: “É máis, facemos extensible esta denuncia para os moitos alcaldes do PP aos que si se lles obriga a ter permiso de acceso do equipo de goberno, mentres os alcaldes socialistas e nacionalistas campan ás súas anchas polas dependencias provinciais, sen ningún tipo de autorización”.
Castiñeira di á portavoz socialista, Pilar García Porto: “Non admitimos leccións de traballo pola provincia e de democracia; en todo caso, se alguén está considerando este asunto como unha perrencha, igual é a propia deputada, que vén de sufrir un fracaso absoluto na delegación de Turismo ao seu paso por FITUR”.