O PP de Lugo mantivo onte un encontro coa Xunta de Persoal do Concello para coñecer as súas necesidades. Entre as propostas que fixeron os representantes dos traballadores están a aprobación dun regulamento do horario, carreira profesional, a posta en marcha de medidas para a conciliación en todos os departamentos, regular o teletraballo, e modificar regulamento de produtividade.
Trala reunión, os populares denunciaron que as reinvidicacións dos traballadores municipais levan anos sen resolver e sen un calendario de prazos. A concelleira Mar Carballas destacou “a importancia dunha xestión eficaz dos recursos humanos na administración máis próxima ao cidadán” xa que “senón se cubren as vacantes, non funcionan os servizos, e iso repercute na atención final ao cidadán”
Na mesa de traballo explicaron que as súas son “peticións xa históricas, as mesmas que nos trasladaron na reunión celebrada o pasado mes de febreiro”, lamentando que “para a alcaldesa e o seu socio nacionalista a xestión dos recursos humanos é unha asignatura esquecida”. “Botamos en falla un maior compromiso deste goberno á hora de axilizar a cobertura de vacantes”, engadiu Carballas.