O PP no Concello de Lugo solicita que, coincidindo co inicio do curso escolar, se active un plan especial de mobilidade segura para os colexios. O concelleiro popular Antonio Ameijide acusou ao Goberno local de “falta de interese por solucionar os problemas de aparcamento que hai na cidade como consecuencia da supresión, hai máis dun ano, do sistema ORA e que en catro días se verán agravados co comezo das clases”.
Ameijide advirte de que a ausencia dun plan ou de medidas específicas para afrontar días complicados como o vindeiro luns poñen en evidencia a “a nula planificación e a improvisación que caracteriza ao goberno socialista de Lugo”. Co obxecto de poñer riba da mesa solucións para contribuir a mellorar a mobilidade en Lugo Ameijide reclama a convocatoria urxente dunha Comisión de Tráfico na que estén presentes todos os grupos da corporación “para buscar solucións ao grave problema de estacionamento, así como para implantar un sistema de rotación de aparcamento gratuíto”.
O vicevoceiro popular salientou que “no caso dos colexios se podería estudar a posibilidade de habilitar espazos próximos aos centros para deixar ou recoller aos estudantes nos horarios de entradas e saídas”. “Trátase de reservar zonas para que paren os vehículos durante os dez ou quince minutos das entradas e saídas dos centros escolares”. O popular explicou que esta proposta se debería consensuar coas direccións dos centros e ANPAS lembrando que “a fluidez da circulación na cidade vese moi afectada polo caos que se produce nas horas de entrada e saída dos colexios”.