O PP cualificou hoxe de “provocación” que a alcaldesa “se empeñe” en entregar a xestión do guindastre a unha empresa privada no canto de municipalizar o servizo. Para Enrique Rozas, vicevoceiro da agrupación, é “escandaloso” que os socialistas, en vez de asumir con medios propios este servizo, leven á Xunta de Goberno unha nova proposta para abrir un proceso negociado desoíndo o acordo plenario de municipalización de maio de 2016.
O Partido Popular acusa á rexedora de poñer en práctica unha nova fórmula para “meter a calzador” a privatización do servizo do guindastre que está custando aos lucenses preto de medio millón de euros ao ano. Rozas desvelou que “na xunta de goberno que se celebra mañá figura un acordo para a licitación da contratación do servizo de retirada de vehículos da vía pública e traslado ao depósito mediante procedemento negociado sen publicidade”.
O popular indica que esta proposta “é xa o segundo intento dos socialistas, en pouco máis de medio ano, para externalizar o servizo”. Rozas lembraba o recente pau do goberno socialista cando, en febreiro de este mesmo ano, viu como quedaba deserto o concurso do guindastre “non se presentou nin unha soa oferta” o que para o PP supuxo “unha nova labazada á política da alcaldesa e á súa insistencia en externalizar este servizo”.
O viceportavoz popular explicou que “nos ultimos 12 anos o déficit do guindastre supuxo para as arcas municipais 5,5 millóns de euros que se abona a unha empresa implicada no marco da operación Pokemon” matizando que “desde que Lara Méndez está na alcaldía, coa prórroga que lle concedeu a Cechalva, sen data de caducidade, o concello pagoulle con reparos de intervención 1.340.103,10”.