As agrupacións locais do Partido Popular nos Concellos de Navia e Cervantes están a realizar as xestións oportunas dirixidas a acadar unha mellora na cobertura tanto de telefonía móbil como de conexión a Internet nas zonas destes dous municipios da Montaña lucense.
Os voceiros do Partido Popular de Navia e Cervantes, Jesús Fernández e José López, respectivamente, xunto ao edil de Cervantes, Javier Santín, mantiveron unha reunión coa directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, Mar Pereira, e co delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro para abordar esta problemática.
Dende as formacións locais do Partido Popular agradecen a boa disposición amosada pola Xunta de Galicia, que se comprometeu a estudar posibles fórmulas para mellorar a cobertura de teléfono e datos nas zonas con maiores dificultades.
A falta de recepción de telefonía móbil e de datos de conexión a Internet leva sendo dende hai anos un reclamo habitual dos residentes nestas localizacións, explican os populares, polo que consideran “moi necesario dotar ao 100% dos cidadáns dos dous municipios” dos recursos necesarios para que podan participar activamente no desenvolvemento que ofrece a modernización tecnolóxica.