O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, anunciou que pedirá explicacións ao goberno local sobre os motivos de non esixir “un diploma acreditativo de coñecemento de inglés” no proceso de selección do persoal que traballará nos museos de Lugo.
Antonio Ameijide explicou que nos pregos para a xestión das oficinas municipais de turismo e dos museos reflíctese que “a supresión do requirimento do título oficial en inglés equivalente ao B1 é consecuencia da reflexión realizada sobre as necesidades reais da prestación do servizo... polo que para desenvolver dunha forma apropiada esta función requírese un dominio do idioma a nivel práctico, feito que, ás veces, un diploma non chega a asegurar totalmente”. Unha medida que contrasta con que si que pidan o título acreditativo Celga IV do galego.
Neste senso, o voceiro popular lamenta “a incongruencia” socialista no referente ao uso dos idiomas xa que para “asegurar” que os traballadores dos museos teñen un dominio fluído do idioma, o máis axeitado sería que acreditaran cun certificado oficial os coñecementos dun idioma e, logo, “realizar unha proba práctica para garantir o uso fluído” da lingua. “Eses requisitos serían o máis lóxico, pero o quea rexedora di nos pregos é que se fía máis do que diga a empresa adxudicataria sobre os coñecementos de idiomas dos traballadores que dun título oficial ou dun exame práctico”, afirmou o popular, xa que no prego establécese que “o dominio de inglés será acreditado pola empresa”.
Ademais, o voceiro popular destaca que hai en España numerosos concellos que si que solicitan títulos oficiais que “certifiquen” os coñecementos do idioma e, a maiores, realizan algún tipo de proba oral para certificar que se posúen os coñecementos necesarios para desenvolver as tarefas precisas do posto de traballo.
Doutra banda, dende o Grupo Popular “agradecemos que os socialistas por fin atenderan a nosa petición para ampliar o horario dos museos”, xa que dado o aumento na afluencia de turistas á cidade era imprescindible tomar esta medida. Este prego de contratación rexerá as condicións para os 5 museos da cidade, a oficina municipal de turismo e o punto de información turística de verán e sairá a licitación por un importe de 590.713,24€ por ano, un contrato dunha duración de 2 anos e a posibilidade de prorrogar o mesmo durante dous períodos máis, dun ano cada un.