O portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, ve “moi grave” a “sospeitosa e volátil contabilidade” de Lugonovo.
Ante a publicación en medios de comunicación locais “sobre as posibles irregularidades nas contas desta formación política, o portavoz popular considera necesario que os órganos de control orzamentario se pronúncien“ante o recoñecemento de Lugonovo de desviar ao partido o 100% da asignación que recibe este grupo con cargo aos orzamentos municipais, uns 32.400 euros, a razón de 2.700 euros mensuais. Vese claramente que isto non é un erro cando non o corrixiron na segunda versión que publicaron sobre a súa contabilidade”, puntualizou o portavoz popular.
Así mesmo, Jaime Castiñeira fixo fincapé en que “as bases de execución do orzamento municipal de 2016, aprobadas por Lugonovo, contemplan claramente a prohibición de asumir con fondos municipais determinados gastos que esta formación imputa a esta partida, como a contratación de persoal ou o pago de gastos electorais de En Marea”.
A respecto desta “dobre contabilidade”, o portavoz popular expuxo que “o único que fixo Lugonovo foi introducir modificacións pouco cribles, cambiando conceptos pero non importes”. Neste sentido, puxo como exemplo que “o que ao mediodía eran gastos de substitución do traballador do Grupo Municipal pola noite convertéronse noutros gastos de contabilidade interna por un importe idéntico de 3.800 euros. Castiñeira valorou que “o único que se aprecia son cambios de conceptos para tentar revestir de legalidade o que non o é en absoluto”.
Por último, Jaime Castiñeira sostivo que “a gravidade da situación é tal que o portavoz de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, non debe seguir escondido detrás dunha contabilidade voluble que deixa tantas dúbidas”. “O mínimo que podemos pedirlle é que dea explicacións nunha Xunta de Portavoces á que asistan tamén os funcionarios responsables do control orzamentario”, concluíu o portavoz popular.