O Premio ‘Facer País’ recoñeceu a Sés pola defensa da lingua e a cultura galegas

O Premio ‘Facer País’ foi outorgado este fin de semana á cantora María Xosé Silvar “Sés” na antiga casa consistorial de Carracedo, en Láncara.

Sés recibiu o galardón outorgado pola Asociación Cultural Val de Láncara das mans de Luz Fandiño, a penúltima premiada, nun acto no que Xurxo Souto actuou como mestre de cerimonias.

Ao acto acudiron veciños, colectivos culturais da comarca de Sarria, o vicepresidente da Deputación Efrén Castro, e a Deputada de Cultura Iria Castro.

O Premio Facer País, cuxo xurado está formado por unha vintena de asociacións  dos concellos de Láncara, Sarria, O Corgo, A Fonsagrada, Baralla e Cervantes, recoñece a “postura clara de defensa da lingua e cultura galega” de Sés, “dende unha visión nova, rompedora, actual e feminista”.

Desde a súa creación en 2002, recibiron o galardón lsaac Díaz Pardo, Luis Tosar, o grupo Milladoiro, Xosé Manuel Beiras Torrado, Xosé Neira Vilas, o diario A Nosa Terra, Avelino Pousa Antelo, Luz Pozo Garza, a Real Academia Galega, Mini e Mero, Agustín Fernández Paz, a Mesa pola Normalización Lingüística, Marica Campo, Basilio Losada Castro Margarita Ledo Andión, a Asociación Cultural Xermolos, a familia Seivane, Xurxo Souto, Luar na Lubre e Luz Fandiño.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com