O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á posta en servizo da vía de altas prestación Celeiro-San Cibrao como “unha oportunidade para transformar a comarca, converténdoa nun lugar mellor para vivir e para traballar. Estamos a falar dunha vía que supón un importante factor de competitividade para esta comarca e para os seus principais motores económicos”, dixo, subliñando que esta estrada chega para mellorar as comunicacións do porto de Celeiro, un dos máis importantes peiraos pesqueiros da cornixa cantábrica, e do porto de San Cibrao.
Así mesmo, destacou a incidencia positiva que supón para o principal polo industrial da comarca, que é a factoría de Alcoa, no concello de Cervo.
Cun investimento de 50 millóns de euros, Feijóo afirmou que se trata “dunha infraestrutura necesaria, agardada e fundamental para a vertebración e a competitividade da Mariña lucense, incidindo en que os condutores que cada día percorren a distancia entre Celeiro e San Cibrao, entre os concellos de Viveiro e Cervo, disporán dunha alternativa máis segura, máis cómoda e máis rápida para facelo”.
Logo de destacar a complexidade do trazado: 8 quilómetros con 5 viadutos, 3 pasos inferiores, un paso superior e 3 enlaces, o responsable autonómico garantiu o compromiso do Goberno galego para seguir vertebrando o país.
Un novo trazado para executar a variante de Viveiro
“Seguimos convencidos de que paga a pena traballar e destinar recursos para mellorar a seguridade viaria, a calidade de vida e as oportunidades de progreso dos veciños da Mariña”, aseverou, garantindo ademais o compromiso de defender os intereses da comarca ante a Administración central, a quen lle corresponde a conectividade desta VAP ata Ribadeo.
Críticas do PSOE
A Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro así como representantes socialistas da Mariña, non asistiron este martes á apertura do treito de 8 quilómetros da Vía Alta Prestacións Celeiro-San Cibrao que “o Goberno de Feijoo tardou 8 anos en facer, omitindo as reclamacións veciñais e impoñendo un proxecto que non foi consensuado coa cidadanía e o Concello”.
Explica que este proxecto que se inaugura hoxe “foi un trazado imposto, que non foi consensuado nin co goberno local, nin cos veciños, e prexudica claramente os intereses dos veciños de Magazos, por iso non podemos permanecer calados”, insistiu.
A rexedora valora “moi positivamente todas as infraestruturas que supoñan un beneficio para a Comarca e para Viveiro”, pero lamenta “que este tramo de 8 quilómetros que leva en proceso de execución 8 anos, só sexa unha parte menor dun proxecto global máis amplo como é a Vía de Alta Prestación de Ferrol a San Cibrao”.
Maria Loureiro advirte que Viveiro “é o único concello da Mariña que non ten un corredor”. Di que “todos os camións pasan polo centro, non temos unha variante alternativa e é o terceiro Concello máis importante da provincia”.