O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe durante a inauguración e posta en marcha dos tres primeiros treitos da A-54, que esta nova infraestrutura conectará Lugo co Eixo Atlántico e co centro de Galicia cara a consecución dun territorio unido e vertebrado.
Feijóo agradeceu o compromiso do Goberno central con esta vía que a finais de ano estará en execución na súa totalidade. “Estamos a falar dun investimento de 170 millóns de euros e do compromiso de que neste 2015 estará en execución na súa totalidade, polo que esta infraestrutura xa non ten volta atrás” abundou.
O responsable autonómico afirmou que avanzar nesta infraestrutura no é só proporcionar máis seguridade, máis permeabilidade e mellores condicións para a circulación. É tamén poñer en contacto directo Lugo co conxunto do Eixo Atlántico, así como co resto de vilas e cidades cara ás que Compostela exerce de gran distribuidor de tráfico.
Feijóo lembrou que en 2015 Lugo é a provincia galega á que os orzamentos da Xunta destinan un maior investimento per cápita, co obxectivo de impulsar os grandes proxectos de mellora da mobilidade e dinamización da economía.
Ao fío disto, Feijóo avanzou tamén que este mesmo ano “esperamos culminar conexións como a Vía de alta capacidade entre Sarria e Monforte, que completa o eixe que xa presta servizo desde Lugo; ou a conexión entre Celeiro e San Cibrao, e neste 2015 abriremos tamén o novo acceso ao porto de Burela”.
O titular do Executivo galego referiuse tamén á apertura en 2014 do Porto Seco de Monforte, unha gran plataforma loxística que reforzará o seu atractivo para os investidores grazas a unha rebaixa do 50% no prezo do seu solo industrial.