O primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia abrirá no barrio da Residencia o vindeiro mes de outubro

O primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia, ubicado na cidade de Lugo, no barrio da Residencia, comezará a funcionar o vindeiro mes de outubro. O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, fixo este anuncio durante unha visita a estas novas instalacións  que darán servizo ata a 240.000 usuarios de toda a cidade e arredores. O titular do Goberno galego resaltou que “Imos rematar o ano dinamizando e dando unha segunda vida a este barrio”.

O obxectivo dos centros integrais de saúde é concentrar nun mesmo edificio a atención primaria ordinaria, a atención urxente (PAC) así como servizos especializados para convertelos en punto de referencia dos pacientes de diferentes barrios -no caso das cidades- ou de diferentes localidades, no caso dos CIS a nivel comarcal.

O futuro CIS de Lugo albergará a base do 061, centro de saúde e PAC -con 46 consultas-, área de saúde mental -con 22 consultas- e espazos especializados en saúde bucodental, fisioterapia, saúde da muller ou radiodiagnóstico. Ademais contará co último en tecnoloxía diagnóstica, o que permitirá habilitar unha sala de radioloxía, outra dotada cun mamógrafo e unha sala de radiodiagnóstico con telemetría para realizar radiografías completa de columna ou dos membros inferiores (desde a pelve ata o nocello).
A previsión é que o novo Centro Integral de Saúde de Lugo comece a funcionar o vindeiro mes de outubro e que antes de rematar o ano estean operativos o 100% de servizos.

O presidente, que estivo acompañado da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, salientou a “magnífica rehabilitación” que se realizou no antigo Hospital Materno para reconvertelo no novo CIS. “Isto demostra que os edificios públicos poden ser bonitos ademais de funcionais”, indicou para asegurar que no caso das infraestruturas sanitarias búscase tamén que sexan “modernos” e “acolledores” tanto para os traballadores coma para os doentes.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com