A través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Xunta de Galicia lanzou o programa gratuito e en liña de Formación Digital, no que están a participar na convocatoria presente máis de mil alumnas e alumnos. O obxectivo principal da actividade é preparar á cidadanía para a adquisición da Certificación Galega de Competencias Dixitais (ComDix) e fomentar a alfabetización dixital no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030.
O curso é de nivel intermedio e ten unha duración de dous meses e medio. No programa, o alumnado inscrito será formado en creación de contido dixital, seguridade ou solución de problemas dixitais, entre outros puntos do temario. A actividade formativa é financiada co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea e, a día de hoxe, a inscrición a través de www.formaciondixital.gal segue aberta.