Foi no pasado mes de agosto, cando na asemblea de Vilalba Aberta se daba luz verde ao lanzamento dun proceso de participación veciñal, de cara a redacción do seu programa para as municipais. Baixo o nome de Vilalba Decide e a través dunha novidosa ferramenta de participación online, a formación poñía así a disposición dos veciños da vila e parroquias a posibilidade decidir punto por punto o conxunto dun programa electoral que conseguira ser “o Programa Electoral de todos”.
Un procedemento que, logo de máis de 5 meses en funcionamento, tocaba onte ao seu fin, superando as expectativas inicias dos seus impulsores cun total de 76 propostas recibidas, ás que cómpre sumarlle o conxunto de iniciativas e ideas que semana a semana lles chegan, tanto a través do correo electrónico coma ao conxunto das súas redes sociais.
Uns resultados que, tal e como apuntaba na mañá de hoxe o seu voceiro e Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, “non fan máis que reafirmar o cumprimento do noso obxectivo fundamental de implicar á veciñanza, involucrando tanto aos barrios da vila, coma ás parroquias, así como aos profesionais e aos traballadores/as e autónomos do conxunto do Concello na creación dun Programa que, por enriba de todo, puxo de relevancia a nosa intelixencia colectiva, a través dun método participativo que fixo posible que decenas de veciños/as tomaran parte na creación, discusión e priorización das súas inquedanzas.”
Vilalba Aberta, desmarcase así, unha vez máis, do xeito de facer dos partidos políticos tradicionais, en tanto que ademais dun inédito proceso de participación veciñal, o programa participativo foi, a xuízo dos integrantes da formación, “un proxecto colectivo que demostrou que se pode facer política doutro xeito, coa participación da xente e sen concebir á veciñanza coma se se tratara dunha clientela á que convencer”.
“Dixémolo e cumprímolo, apuntaba a este respecto Modesto Renda: “Non queriamos que nestas municipais a veciñanza se vira novamente na obriga de elixir entre varios programas que lle son impostos, queriamos que os vilalbeses/as tiveran ao fin a posibilidade de se decantar por un programa que sentiran seu, isto é: Un programa do que formaron parte e no que se recoñezan á hora de o votar.