Investigadores da Plataforma de Enxeñaría de Madeira Estrutural (PEMADE) da USC recibiron un galardón no Congreso Mundial de Enxeñaría da Madeira (WCTE 2018, Seúl -República de Corea-) polas investigacións desenvolvidas para o deseño e construción da cuberta gridshell construída recentemente no Campus Terra ao abeiro do proxecto Life Lugo + Biodinámico. O Concello de Lugo lidera este plan, no que participan a Deputación e as universidades compostelana e a Politécnica de Madrid, e que ten como obxectivo o desenvolvemento urbano sostible.
O Congreso de Enxeñaría da Madeira de Seúl é o máis importante do mundo neste eido. Celébrase cada dous anos e reúne a enxeñeiros, arquitectos e especialistas da madeira de todos os continentes.
O proxecto Life Lugo+Biodinámico conta cun orzamento de 3,5M€ e ten como obxectivos, por unha banda, a implantación a través de actuacións innovadoras dunha estratexia de desenvolvemento urbano sostible, e por outra, a introducción dun novo modelo productivo, co uso da madeira como elemento estrutural de construción, material que reduce a emisión de dióxido de carbono e impulsa o sector forestal, tanto a nivel dos productores, pois ábrense novas saídas para o producto e aumenta o seu valor engadido, como da industria da madeira.
O traballo para a construción da estrutura foi desenvolvido por enxeñeiros e arquitectos da Universidade de Santiago de Compostela e da Politécnica de Madrid: Antonio José Lara Bocanegra, Antonio Roig, Almudena Majano Majano e Manuel Guaita, que presentaron unha nova cuberta de tipo gridshell elástica, a primeira realizada en España e a primeira no mundo que emprega como material a madeira de Eucalyptus globulus.