A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, a presidenta da asociación Bonhomía, Fanny Sánchez, e a vogal deste colectivo, María Sánchez; presentaron este mércores no Salón de Plenos o proxecto Ningún árbol vacío. O Concello colabora con Bonhomía nesta iniciativa que buscar achegar aos nenos e nenas de familias lucenses sen recursos os agasallos que piden aos Reis Magos.
No acto de presentación, González Abelleira puxo en valor este “proxecto innovador, unha campaña solidaria e chea de ilusión, a primeira levada a cabo por Bonhomía, un colectivo formado recentemente que promove ao mesmo tempo unha visión crítica sobre cuestións referidas ás desigualdades e a participación cidadá”.
Pola súa banda, Sánchez agradeceu a colaboración institucional e a implicación do Concello para levar a cabo o seu primeiro proxecto.
Para participar nesta campaña soamente é preciso rexistrarse na páxina web de Bonhomía, http://bonhomia.org/ Unha vez rexistrada, a persoa colaborada recibirá a carta que un neno ou nena escribiu aos Reis Magos. Posteriormente, a persoa solidaria mercará o agasallo, cun custe inferior aos 30 euros, que poderá entregar nun dos 16 puntos de recollida sinalados pola asociación. A Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, encargouse da gravación e da edición do anuncio publicitario desta campaña, que se difunde nas redes sociais.