O proxecto ‘O Fin do Camiño’ foi presentado no Corgo

Foi inaugurada na Casa da Cultura do Concello do Corgo (Lugo) a mostra itinerante O Fin do Camiño, organizada polo Colectivo Egeria, e
que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa ‘O teu Xacobeo’. Asistiron ao acto Felipe Labrada, Alcalde do Concello do Corgo, e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria, acompañados doutros membros do persoal municipal. Continúa así a edición 2020-2021 deste proxecto, que en 2019 recorreu todos os concellos do Camiño Francés en Galicia, e que este ano seguirá percorrendo os concellos dos Camiños Primitivo, Norte, de Inverno e Vía Kunig, ao seu paso pola provincia de Lugo.

Os textos da exposición están redactados en galego, castelán e inglés para xeral comprensión, xa que está dirixida especialmente aos peregrinos, e así a súa programación inclúe numerosos puntos dos Camiños de Santiago, comezando polos fitos do Camiño Francés en Galicia.

As fotografías son de dous importantes fotógrafos galegos –Eduardo Ochoa e Carlos Puga- que reflicten especiais visións dos Camiños a Compostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os detalles máis sobranceiros.

Os textos abordan o tema de O FIN DO CAMIÑO como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino para emprender este Camiño milenario, tendo capítulos especiais para o motor da fe, os máis de mil anos dos camiños, o percorrido cara a unha terra de brumas e de luz. Exprésase a procedencia dos peregrinos de lonxanas terras, polos camiños todos que levan a Compostela… destacando aspectos como que Europa se mira en Compostela, a peregrinación en multitude ou en soidade, os peregrinos singulares ou anónimos, o millón de pasos que constitúe o Camiño Francés, a cadea de fervores que o Camiño supón, para chegar á Capital de Occidente, visitar a tumba do apóstolo, completar un camiño interior reflexo do exterior percorrido, e emprender o Camiño de volta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com