O PSdeG considera que os orzamentos do Estado sitúan á provincia “no mapa dos investimentos”

O PSdeG na provincia de Lugo remarcou hoxe que os orzamentos do Estado sitúan á provincia de Lugo no mapa dos investimentos e da recuperación económica, trala súa tramitación no Congreso dos Deputados. En catro anos de Goberno de Pedro Sánchez (2019-2022), Galicia recibirá un 27,1% máis de recursos que no últimos catro anos de Rajoy (2014-2017). Así o valorou hoxe a Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero xunto aos deputados no Congreso, Ana Prieto e Javier Cerqueiro e o senador César Mogo.

Os socialistas sinalan que “estas contas son unha ferramenta fundamental para fortalecer o Estado de Benestar e os servizos públicos que resultaron indispensables durante a pandemia de COVID-19. Por iso, recollen o gasto social máis alto da historia con 240.375 millóns de euros. Recursos que permiten destinar un financiamento récord a pensións, bolsas, sanidade, dependencia ou loita contra a pobreza infantil”.

Mais polo miúdo e atendendo ás partidas para a provincia de Lugo, dende o PSdeG destacan os investimentos en infraestruturas “que sitúan á provincia como a segunda provincia con máis investimento previsto nos Presupostos do Estado para 2022. Concretamente medra un 169,8% respecto a este ano, xa que a provincia disporá de investimento de 298,12 millóns de euros fundamentalmente para a modernización no ferrocarril. Son 187,61 millóns de euros máís que no Presuposto Xeral do Estado do 2021. Antes non aparecíamos no mapa, e agora somo os protagonistas. Estes dias comprobámolo coa posta en marcha do AVE, un fito histórico para as galegas e galegos”, salientan.

Ademais explican que os PXE están enfocados para dar resposta á emerxencia sanitaria, social e económica provocada pola pandemia. “Por iso nestes intres dedica 734 millóns de euros ao escudo social que protexe ás familias lucenses, aos seus autónomos, ás súas empresas e as persoas”.

No que se refire ao apartado social, “a atención á dependencia aumenta, xa que medra un 23,3% acadando o seu nivel máis alto na historia, mellorando as prestacións e ampliando o número de beneficiarios atendidos. Con estas cifras, os usuarios atendidos en Galicia poderán superar as 71.000 persoas grazas á transferencia de máis de 190 millóns para o nivel mínimo e acordado”, sinalan.

No capitulo de Sanidade “son un montante total de 6.606 millóns de euros para reforzar e fortalecer o Sistema Nacional de Saúde. Isto supón un 20,3% máis que nos PXE 2021, que beneficiará ás máis de 2.700.000 persoas que viven na nosa Comunidade. En particular, inclúese unha nova dotación por contía de 44 millóns de euros para a ampliación de servizos de saúde bucodental do SNS. Tamén se inclúen transferencias ás CCAA dentro do plan de saúde mental e COVID-19, dotado con 30 millóns de euros, así como fondos destinados ao marco estratéxico de atención primaria por un importe de 176 millóns de euros”.

Os PXE tamén están centrados nos mozos e nas mozas, con partidas que suman 12.550 millóns de euros, case o dobre que no 2021. Os PXE apostan por mellorar as oportunidades e perspectivas de futuro dun dos colectivos máis prexudicados pola pandemia. “O capítulo de bolsas alcanza a cifra récord de 2.199 millóns a nivel nacional, podendo beneficiar a máis de 49.000 estudantes de Galicia. Como novidade, créanse as bolsas para aspirantes a xuíz, fiscal, avogado do Estado ou letrado da Administración de Xustiza”.

No que se refire ás pensións, as contas do Estado garanten o poder adquisitivo dos nosos maiores e empregados públicos, “cumprindo co acordado cos axentes sociais”. A partida máis importante é a destinada a pensións, que se incrementará un 4,8% ata alcanzar os 171.165 millóns de euros. As pensións non contributivas increméntanse un 3%, que beneficiará a máis de 37.600 maiores da nosa Comunidade, e a máis de 5.000 maiores da provincia de Lugo, cun orzamento total de máis de 227 millóns de euros. Ademais, a revalorización dos 9,6 millóns de pensións contributivas fixarase na lei que se tramita actualmente no Congreso dos Deputados, establecéndose que  aumentarán en función do IPC medio rexistrado en novembro. En Galicia, máis de 724.500 pensionistas beneficiaranse desta revalorización.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com