A Deputada luguesa do PSdeG-PSOE, Margarita Pérez Herraiz, e o Senador Ricardo Varela, veñen de anunciar que rexistraron unha Proposición non de Lei no Congreso dos Deputados na que reclaman ao Goberno “que no menor tempo posible solucione a provisionalidade na que se atopa o dique no río Miño”.
Demandan “que se arranxe esta infraestrutura con garantías suficientes para a protección medioambiental dunha zona de alto valor ecolóxico”.
Explican que no mes de novembro de 2015, a empresa INCA levantou un dique provisional no Río Miño co fin de facer a repartición do caneiro e limpar lodos depositados durante anos no canal e na zona de entrada do mesmo, pero a Confederación Hidrográfica Miño Sil considerou que o dique non se construíu no lugar que prevía a declaración de impacto ambiental e ordenou a paralización das obras.
Perez Herraiz lembra que “a empresa xa notificou á Confederación a documentación do novo emprazamento para saber si esta nova modificación pode acollerse á declaración de impacto ambiental vixente, ou si ten que iniciarse unha nova”. Ademais, sinala que a propia Confederación recoñeceu ao Concello de Lugo que non sabe nin cando, nin en que sentido se pronunciara o Ministerio.
60 especies, dúas en perigo de extinción
A Deputada socialista asegura que “esta obra xera preocupación no Concello de Lugo porque é unha zona de especial protección, xa que forma parte da Rede Natura 2000 e da Reserva da Biosfera Terras do Miño”. Esta zona ten mais de 60 especies de aves e varias especies protexidas a nivel europeo, estatal e autonómico, das que dúas están en perigo de extinción.