A Secretaria Provincial e Deputada Autonómica do PSdeG, Patricia Otero avanzou hoxe que defenderá unha batería de iniciativas parlamentarias coas que reclama, ao Goberno de Feijóo, emprazar a nova planta de residuos que dará servizo aos concellos de Riotorto, Meira, Pol, A Pastoriza, A Pontenova e Ribeira de Piquín, no Punto Limpo Serra de
Meira en Xuncás (A Pastoriza), que xa conta con dotacións de auga, luz e accesos.
Neste mesmo emprazamento, no concello da Pastoriza, Patricia Otero presentou esta proposta acompañada polos Alcaldes e concelleiros das vilas afectadas. No acto estiveron o Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias Sierra; o Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde; o Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico e o Alcalde de Pol, Lino Rodriguez Ónega.
A Deputada Socialista lamentou a falta de diálogo da Xunta nun tema tan importante como a xestión dos residuos, “e onde hai 6 concellos afectados, pero lamentablemente dende o sectarismo político habitual do PP só se escoitou ao único onde goberna, é dicir o concello de Riotorto”, dixo.
Así as cousas lembra “que o pasado 27 de setembro a conselleira de Medio Ambiente anunciou que na parroquia de Aldurfe, no concello de Riotorto, ía ubicarse a nova planta de residuos. Pero unha vez anunciado este emprazamento, e trala presión dos veciños e veciñas que viron como este proxecto da planta afectaba ás súas explotacións gandeiras e incluso ás súas vivendas, a Xunta, a Conselleira e o Concello de Riotorto recuaron con esta radicación, e nestes intres están a buscar un novo emprazamento dentro do concello de Riotorto”.
“O emprazamento de Aldurfe foi un completo desatino e tamén unha improvisación por parte da Conselleira, que a día de hoxe aínda non resolveu esta situación. A veciñanza, os gandeiros, os alcaldes, os grupos políticos progresistas, as asociacións veciñais, os sindicatos agrarios foron un clamor social contra este emprazamento”, replicou a deputada.
Opacidade e falta de transparencia
Advirte que “os alcaldes afectados neste proceso tamén amosaron o seu rexeitamento desta ubicación en Aldurfe. E diante desta situación asi como do ninguneo total por parte da Xunta, enviaron unha carta ao Goberno galego no que se queixaban da falta de transparencia e opacidade coa que Sogama, dependente da Consellería de Medio Ambiente, e o Concello de Riotorto actuaron coa nova da planta de residuos urbanos”, lembrou.
Concellos afectados
Os alcaldes da Pontenova, Meira, Pol, Pastoriza e Ribeira de Piquín explican que esta planta nese emprazamento encarecería considerablemente os custes económicos desta nova dotación, xa que o punto limpo Serra de Meira en Xuncás (A Pastoriza) xa conta con infraestrutura e non se partiría de cero como no caso de Riotorto. Ademais de que a estes concellos implicados lles afectaría negativamente o emprazamento en Riotorto por mor da distancia e dos quilómetros existentes entre os concellos.
Nas iniciativas rexistradas na Cámara Autonómica, dende o PSdeG queren coñecer cal ou cales son os motivos que xustifican que a Xunta de Galicia queira instalar a nova planta de residuos no concello de Riotorto? Se a Xunta pensa que o concello de Riotorto é o mellor emprazamento para esta nova planta de residuos que ademais tamén presta servizo aos concellos da Pastoriza, A Pontenova, Meira, Pol e Ribeira de Piquín? E por último, “porque non valora a Xunta de Galicia emprazar esta nova planta de residuos no punto limpo Serra de Meira en Xuncás (A Pastoriza) que a conta con dotacións de auga, luz e con accesos?”.