O PSdeG esixe a “reapertura inmediata” do centro de saúde de Castro de Rei

Os Socialistas de Castro de Rei avanzaron hoxe que rexistraron unha moción no Concello para esixir a Consellería a apertura inmediata do centro, así como e a incorporación dun médico no centro de saúde da vila de Castro de Rei.

Os Socialistas de Castro de Rei explican na iniciativa, que coa chegada da pandemia do Covid-19, a Xerencia integrada de Lugo, Burela e Monforte decidiu pechar “temporalmente” o Consultorio de Castro de Rei e trasladar a atención médica e ambulatoria ao Centro médico de Castro Riberas de Lea.

Advirten que “esta medida, englobada nas encamiñadas a reorganizar o servizo para dotar de maior seguridade na sanidade era, nun primeiro momento, temporal mentres durara o Estado de Alarma. Ese compromiso por parte da
Xerencia foi trasladado ao Concello de Castro de Rei”.

Así as cousas denuncian que “agora comprobando que non se executou a reapertura de dito centro, sospeitamos que a Xerencia poida estar contemplando o peche definitivo do Consultorio derivando a atención médica ao Centro de Saúde de Castro Riberas de Lea”.

Os socialistas din que “o peche perxudicaría a centos de veciños de Castro de Rei e da súa contorna que terían que desprazarse a Castro Riberas de Lea para recibir a atención médica que precisan, o que suporía outra perda importante no escaso comercio que hai en Castro de Rei”.

Dende o Grupo Socialista cremos na necesidade de reforzar a atención primaria, algo que xa aconsellaron os científicos que asesoraron o Goberno no inicio da desescalada, resaltando que os centros de saúde tiñan que ser o punto de referencia na loita contra o Covid-19. Por iso é necesario dotar a estes centros de máis medios, e facendo o posible por achegala á cidadanía como medio áxil e eficaz para a detección precoz e a atención temperá de enfermidades e posibles rebrotes virais.

Acto de protesta

O Grupo Municipal Socialista, preocupado pola situación de peche, organizou un acto de protesta o pasado 30 de xuño, acompañados dos veciños e veciñas afectados, diante do centro médico de Castro de Rei, para amosar a súa preocupación e a súa inquedanza por este peche. “Nós seguiremos traballando a reo, dende todas as institucións, para conseguir a reapertura do noso centro de saúde. Merecemos unhos servizos sanitarios dignos”, din.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com