O PSdeG pedirá ao pleno que inste á Xunta a resolver o déficit de prazas nas residencias públicas

O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no Pleno ordinario do vindeiro martes unha moción na que reclama á Xunta que desenvolva unha rede de residencias públicas que resolva o actual déficit de máis de 14.000 prazas neste tipo de centros que existe en Galicia, e que cumpra deste xeito coa ratio recomendada pola Organización Mundial da Saúde de 5 prazas de residencia por cada 100 persoas maiores de 65 anos.

Na proposta, o PSdeG solicita ao Goberno galego “que asuma as súas obrigas competenciais e, cando menos, financie a rede de residencias públicas da Deputación de Lugo”, ademais de “mellorar o desenvolvemento do sistema de servizos sociais para garantir que os dereitos dos cidadáns se convertan nunha cobertura real das necesidades”.

Os socialistas presentan esta iniciativa despois de que a Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais publicase un informe no que constata que Galicia ten un déficit de 14.331 prazas en residencias, segundo a ratio de 5 prazas por cada persoa de máis de 65 anos que recomenda a OMS.

Segundo os datos da asociación, Galicia é a terceira CCAA cun maior déficit en prazas de residencias públicas, ocupando o posto número 13 no desenvolvemento do sistema de Servizos Sociais, cunha valoración de 4,5 no índice DEC que mide a relación entre os dereitos e o esforzo económico e de xestión que se realiza para garantir a cobertura real das necesidades das persoas.

De acordo cos profesionais, no ano 2020, o esforzo da Xunta estancouse ou mesmo retrocedeu –a pesar da pandemia– e a valoración que merece o sistema galego é “débil”. Como ben di a Asociación, córrese o risco de que os dereitos recollidos na lexislación sobre dependencia se convertan en “dereitos de papel”, sen cobertura real garantida.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com