O PSdeG pedirá neste Pleno que a Xunta remate a totalidade do Plan Paradai

O grupo municipal do PSdeG no Concello de Lugo defenderá no Pleno ordinario deste xoves unha proposta na que pide á Xunta de Galicia que remate “dunha vez por todas” na súa totalidade o Plan Paradai, que data do ano 1999. Así mesmo, solicitará que mentres tanto, e de modo urxente, dote dunha partida orzamentaria para levar a cabo a adecuación da rúa Serra de Meira, dende a rotonda da Avenida Adolfo Suárez ata a rotonda que da acceso á nova Ponte Romai, “que presenta un lamentable estado de conservación, poñendo ademais en risco a seguridade dos veciños e das veciñas”, coa calzada chea de buratos e cas beirarrúas moi deterioradas, incluso con zonas onde estas son inexistentes; tal e como indicou o Voceiro socialista, Miguel Fernández.

Os socialistas atenden así a solicitude da veciñanza, que se achega ao Concello pedindo a urxente reparación deste tramo de rúa, sentíndose cidadáns de segunda, vendo laminados os seus dereitos tras a negación de infraestruturas por parte do Goberno da Xunta de Galicia con Lugo.

“Este é un dos exemplos máis claros da desidia por parte da Administración Autonómica, pois para dita obra a Xunta de Galicia, dende o 2015, orzamenta todos os anos a cantidade de 450.000 euros, partida que nunca chegou a executar”, asegurou o voceiro.

Fernández explicou que hai 20 anos, dende 1999, que se asinou o convenio urbanístico do Plan Paradai para, entre outras cousas, unir o Lugo separado pola vía do tren e huminzar a contorna da estación e dende febreiro de 2009 que se autorizou o convenio para levar a cabo a última fase de dito plan, o que suporía un investimento total de 15 millóns

“Pola falta de interese da Xunta de Galicia do Partido Popular, o Plan Paradai foise ralentizando, incluso, paralizando. Ano tras ano atopámonos con que non hai partidas orzamentarias para rematar esta infraestructura tan demandada pola a cidadanía de Lugo”, asegurou o voceiro.

En febreiro do 2017, nun encontro entre a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, este asegurou que a Administración Autonómica tiña “interese e diñeiro” para continuar co Plan Paradai, “pero, parece ser que ese interese desapareceu, posto que non se volveu saber nada dese proxecto. Tras cerca de vinte anos é necesario e urxente que se execute na súa totalidade dito Plan, xa que, agora si, o goberno da Xunta de Galicia admite que hai cartos para levalo a efecto”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com