A Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero, pregunta no Parlamento polo gromo de contaxiados na Residencia Asilo de Vilalba. Avanza que rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias para coñecer o protocolo da Xunta neste centro.
Lembra que dende que apareceu o primeiro contaxiado, o pasado luns, os positivos por Covid 19 incrementáronse de forma exponencial, co conseguinte risco para este colectivo de maior vulnerabilidade. Os propios familiares queixábanse da falla de información, non sabendo tampouco que usuarios ían a ser trasladados ó CEGADI.
Otero sinala ademais que o Grupo Parlamentario Socialista xa ten presentado diversas iniciativas na Cámara Autonómica para coñecer o acontecido ao longo desta pandemia de Covid19 nas residencias de maiores galegas. “Son iniciativas para coñecer os protocolos que ten a Xunta de Galicia para aplicar nos casos en que aparezan positivos de Covid19 nestes centros, como por exemplo, para coñecer cales son os parámetros obxectivos para intervir unha residencia, as actuacións previas desenroladas nas mesmas, ou coñecer si se incrementaron os recursos humános e materiais nestes centros”, sinala.
Pero denuncia que “non obtivemos información clara ao respecto destes aspectos, e estamos a ver como nesta segunda onda da pandemia os casos chegan as nosas residencias de maiores con consecuencias aínda más graves que nos primeiros meses da mesma”. No caso concreto de Vilalba “esta semana coñecíamos que a Residencia Asilo era intervida pola Xunta por un gromo que sumaba 132 contaxiados, 114 usuarios (máis do 70% dos maiores) e 18 traballadores”.
A Deputada Autonómica quere coñecer, entre outros asuntos, qué medidas adoptou a Xunta de Galicia para atallar o gromo da Covid19 na Residencia Asilo de Vilalba, dende que se detectaron os primeiros casos?. Cal ou cales foron os motivos, segundo a Xunta de Galicia, para que o número de casos positivos na Residencia de Vilalba aumentaran de xeito exponencial, en tan pouco tempo, ata acadar a cifra de 132 contaxiados? E si a Xunta de Galicia considera que mantivo unha boa comunicación co Concello de Vilalba á hora de trasladarlle os datos e as medidas a adoptar no relativo ao gromo detectado na Residencia Asilo de Vilalba?