Nun comunicado feito público onte, o grupo provincial socialista denuncia que Candia retorna o caciquismo á Deputación de Lugo e lamenta que negue aos lucenses Presupostos Participativos no 2016, destruíndo un proxecto máis do Goberno de Gómez Besteiro, que foi pioneiro en España, así como un referente en prol da democracia e da transparencia na xestión pública.
Pola súa banda, o deputado provincial do Psoe, Álvaro Santos Ramos, remarcou que “Candia introduce de novo as políticas caciquís do Partido Popular no organismo provincial, rexeitando que sexan os lucenses os que decidan cales deben ser as prioridades do orzamento da Deputación para o vindeiro ano, quitando este dereito aos cidadáns para dárllelo de cheo aos políticos”.
“Son os veciños os que deben participar, directamente, na elaboración do orzamento da Deputación, os que teñen que trasladar ás administracións as necesidades dos seus respectivos Concellos, como mellores coñecedores das mesmas”, continuou Santos, ademais dixo, “Candia tenta camuflar a súa política caciquil cando os tres grupos políticos con representación na institución xa temos vías legais, perfectamente definidas e establecidas, para participar na elaboración das contas provincias”